Monday 13 de May de 2024

Turismo de Galicia e o Cluster asinan un novo convenio de colaboración para o fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías


A directora de Turismo de Galicia resaltou que este convenio supón un novo pulo á colaboración público-privada que se está a producir asiduamente no sector turístico dende a creación do Clúster de Turismo de Galicia

Turismo de Galicia e o Clúster de Turismo de Galicia asinaron un novo convenio de colaboración para levar a cabo de maneira conxunta a implementación dalgunhas das liñas de actuación do Plan Integral de Turismo de Galicia.

No acto de sinatura do dito convenio, a directora de Turismo de Galicia resaltou que este convenio supón un novo pulo á colaboración público-privada que se está a producir asiduamente no sector turístico dende a creación do Clúster de Turismo de Galicia. Neste senso, Nava Castro afirmou que a colaboración do Clúster turístico é fundamental para acadar os obxectivos fixados no Plan.

A responsable de Turismo da Xunta explicou que grazas ao convenio desenvolveranse dunha maneira coordinada diversas accións vinculadas á cuarta liña estratéxica relacionada co fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías para acadar un sector competitivo e un destino intelixente.

Deste xeito, segundo sinalou Nava Castro, desenvolverase un programa de alta calidade destinado á formación dos cadros directivos cunha metodoloxía práctica e cunha duración mínima de 60 horas.

O convenio tamén inclúe a celebración de xornadas divulgativas ou conferencias de interese para o sector turístico. Así, realizaranse dous seminarios con relatores de recoñecido prestixio a nivel estatal.

Outra das propostas é a realización de actividades de mentoring a través de empresarios ou profesionais do sector de gran reputación, un programa de mellora das habilidades de comunicación orientado específicamente a profesionais do sector do turismo.

Así mesmo, o convenio tamén integra outra liña de colaboración relacionada co fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías.

“Con estas actuacións pretendese a mellora na cualificación dos equipos humanos do sector turístico galego co obxecto de mellorar a nosa competitividade a través da calidade na prestación e na xestión da actividade turística”, afirmou a responsable de Turismo da Xunta.

Escola de Turismo Itinerante de Galicia
Estas actuacións relacionadas coa formación súmanse á creación da Escola de Turismo Itinerante de Galicia que ten como obxectivo incrementar a calidade do sector turístico galego.

Con ela, Turismo de Galicia está a impulsar a mellora continua do turismo en Galicia a través da accesibilidade á formación a todas aquelas empresas que así o desexen co fin de que os seus negocios se adecúen as necesidades actuais do mercado.

Deste xeito, esta Escola de Turismo Itinerante ofrece unha formación a medida adaptada á realidade de cada negocio e de cada territorio galego para mellorar, así, a calidade e a capacidade de adaptación do factor humano.

Máximos históricos de viaxeiros e pernoitas
Nava Castro resaltou que o compromiso de Turismo de Galicia pola calidade e a formación en colaboración co sector está a proporcionar unhas cifras de crecemento tanto dos viaxeiros como das pernoitas en todas as tipoloxías de establecementos regrados.

A directora de Turismo de Galicia destacou que no pasado mes de xuño rexistrouse un máximo histórico tanto no número de viaxeiros como no de pernoitas nos establecementos regrados da comunidade. “Produciuse un incremento de mais do 21% nos viaxeiros aloxados en relación ao mesmo mes do pasado ano”, afirmou Nava Castro e engadiu “os mais de 490 mil viaxeiros contabilizados neste mes superaron, incluso, nun 16,9% os rexistrados no último Ano Santo”.

Con estes aumentos na variación interanual, Galicia foi a comunidade co incremento de maior intensidade de todo o Estado tanto en termos de viaxeiros como de pernoitas.